Un total de 30 mulleres procedentes dos concellos de Vilalba, Sarria, Monforte e O Carballiño participaron no I Encontro Interprovincial que COGAMI desenvolveu en Ourense e no que se trataron as claves para o empoderamento a través da participación social, a creación de redes sociais no ámbito rural e de ferramentas necesarias para abordar a lacra da violencia de xénero.
Estas mulleres que asistiron ao encontro interprovincial fixérono despois de participar no programa Activando o Rural, que financiou o Parlamento de Galicia, tendo por finalidade empoderalas, dotalas de confianza e poder de decisión sobre si mesmas.
O programa desenvólveuse a través da creación de itinerarios personalizados de inserción e participación social reforzados a través do traballo en grupo, buscando conseguir motivación e compromiso persoal. Tamén se desenvolven obradoiros de empoderamento que facilitan a creación de redes entre mulleres, onde saian á luz cales son as necesidades que detectan as mulleres con discapacidade no seu día a día.
Todas as mulleres que formaron parte deste programa Activando o Rural teñen uns perfís similares: necesidade de apoio social para desenvolver o seu plan de vida, están desempregadas ou teñen dificultades para a inserción laboral por cincunstancias persoais ou familiares, están en situación de especial vulnerabilidade e con múltiples factores de exclusión social como pode ser o grao de discapacidade ou a necesidade de apoios.
As mulleres con discapacidade poden ter unha dobre discriminación propiciada como consecuencia da discapacidade que teñen - que pode ser física, psíquica, mental e/ou sensorial, - e tamén polo feito de ser muller, cos seus conseguintes estereotipos e barreiras psicosociais que existen. As mulleres con discapacidade tenden a estar illadas, son discriminadas e carecen de dispositivos legais que corrixan estas condutas discriminatorias que se evidencian, por exemplo, en maiores cotas de desemprego, salarios inferiores, menos acceso aos servizos de saúde, maiores carencias educativas e corren o perigo de sufrir unha maior incidencia en ser vítimas de violencia e todo tipo de abusos.