O 30 de maio conmemórase o Día Mundial da Esclerose Múltiple, unha data que aproveitan as entidades que representan ás persoas que viven con esta patoloxía para reivindicar o aumento de apoios necesarios e liñas de investigación abertas.
Este día, membros do movemento asociativo sacan mesas informativas á rúa para visibilizar a enfermidade, concienciar á poboación da situación das persoas que conviven coa que se denomina enfermidade das mil caras e reclaman tamén máis apoios institucional para o mantemento de servizos que ofrecen.
Nun manifesto reclaman máis apoio gobernamental á investigación, o acceso a un tratamento rehabilitador integral, personalizado, gratuíto e continuado, equidade no acceso ao tratamento farmacolóxico e acceso a unha información completa, accesible e transparente sobre a enfermidade.