O número de entidades membro da Federación COGAMI Coruña vén de incrementar durante a celebración da XXV Asemblea Xeral Ordinaria celebrada en Santiago de Compostela. Por maioría absoluta aprobouse a entrada da Delegación Galega da Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar e tamén da Asociación de Parkinson Ferrol.
Con estas incorporacións, a Federación COGAMI Coruña engloba un total de 28 entidades, das que 14 son sociosanitarias, converténdose na federación provincial con máis representatividade das catro que conforman COGAMI.
AEPEF Galicia, é unha delegación da entidade estatal que ten sede en Madrid e que conta con 308 persoas asociadas, 18 delas galegas. Esta entidade foi creada o 19 de outubro de 2002 por un grupo de pacientes e familiares que buscan respostas sobre as causas da paraparesia espástica familiar, enfermidade que afecta á mobilidade. Entre os obxectivos da entidade están prestar apoio emocional a pacientes e familiares; orientar, difundir e buscar un trato adecuado na rede sociosanitaria; que os coñecementos profesionais se aglutinen e se enriquezan e buscar apoio económico para axudar na busca de tratamentos.
Parkinson Ferrol, creouse en 2002 para ofrecer servizos de información e orientación, fisioterapia, logopedia, psicoloxía e estimulación cognitiva ás persoas da comarca de Ferrolterra que teñen esta patoloxía. Arestora a entidade conta con 119 persoas socias.
Nova xunta directiva
Trala celebración da asemblea ordinaria, a Federación COGAMI Coruña desenvolveu a VIII Asemblea Extraordinaria na que volveu saír reelixido como presidente Ramón Sestayo, quen estará acompañado por estes vindeiros catro anos por José Luis Costoya como vicepresidente, Cristina Pet como secretaria, José Barrio como tesoureiro e polos vogais Adolfo Baña, Milagros Rey, Susana Amaro, Mª Jesús Pérez, Manuel Santos, Herminio Martínez, Mª Teresa González e Mª del Rocío García.