Eladio Dorado, veciño de Vilalba, leva dous anos colaborando como voluntario en COGAMI. Decidiu dar este paso, como el mesmo nos di, “despois dunha xubilación anticipada” que lle causou unha enfermidade.
Eladio realiza o seu voluntariado colaborando en diferentes ámbitos: tanto participa en actividades artísticas como tamén acompaña a persoas ou presta apoios cando hai que facer desprazamentos con grupos reducidos a actividades de lecer, como os partidos do equipo de baloncesto Breogán. Aínda que con nervios, Eladio tamén se atreveu a contar a súa experiencia nunha charla de sensibilización ofrecida na escola de Maxisterio pola traballadora social de COGAMI, Carla Fernández, para “tratar de que vexan moita capacidade nas persoas con discapacidade”, apunta.
Eladio é unha das máis de mil persoas que están apuntadas na base de datos de voluntariado que ten COGAMI. Dende que decidiu formar parte desta bolsa de voluntariado non parou de colaborar coa nosa Organización, servíndolle esta experiencia para coñecer ben de preto a discapacidade e cambiar prexuízos sobre esta condición. “O que máis me chama a atención son as capacidades de superación das persoas. Eu tiña unha empresa e nunca se me ocorrería contratar a persoas con discapacidade pero, se volvera atrás faríao, porque poden igual que o resto”.
Eladio anima á xente a que faga voluntariado porque “faite sentir mellor”, explica, e tamén engade que lle gusta o contacto dos menores cando realiza charlas de sensibilización nos colexios, incluso apunta que “como pai que son, gustaríame transmitirlle isto ao meu fillo e fillas”.