Un total de 14 persoas con discapacidade, 7 mulleres e 7 homes, rematan un curso de Auxiliar de Servizos que lles estivo impartindo COGAMI en Vilagarcía de Arousa.
Esta formación, que contou coa financiación de Obra Social “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego, a través do que se pretende dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida de cara á inserción laboral das comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, ámbito de actuación deste programa.
O curso contou cunha duración de 75 horas lectivas e nel formáronse 14 persoas dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Moraña, Caldas de Reis e Cuntis. Co fin de garantir a seguridade do alumnado e manter as medidas de prevención ante o COVID-19, foi impartido de maneira mixta, acudindo 9 persoas á aula e as restantes de maneira telemática.
Tras finalizar esta actividade do programa Máis Emprego, realizarase un seminario complementario no que se darán nocións de uso de ferramentas on line e técnicas a empregar para a busca de emprego. A finalidade deste programa é a de proporcionar destrezas profesionais ao alumnado para que acade un rendemento competitivo no mercado laboral, ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social.
Programa Máis Emprego
Dende que iniciou en 2017, lévanse impartido a través deste programa de inserción laboral un total de 23 cursos nos que se formaron un total de 298 persoas con discapacidade (128 mulleres e 170 homes). De todas estas persoas formadas, 187 delas conseguiron inserirse laboralmente tras pasar por Máis Emprego, das que 92 son mulleres e 95 son homes, co que conta, ata o de agora, cunha porcentaxe de inserción do 62%.
Durante este ano atendéronse no programa a 108 persoas, das cales 40 son mulleres e 68 son homes. Realizáronse 5 cursos de formación ocupacional, nos que participaron 57 persoas (22 mulleres e 35 homes), logrando a inserción laboral 17 destas persoas formadas (9 mulleres e 8 homes).