• Novas
  • 21 de julio de 2017

Éxito de participación no proxecto deportivo e de coidado do medio ambiente que desenvolve a Federación COGAMI-Pontevedra co apoio de ENCE

Éxito de participación no proxecto deportivo e de coidado do medio ambiente que desenvolve a Federación COGAMI-Pontevedra co apoio de ENCE

Baixo o título “O que nos move por mar e por terra”, persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra poden gozar este verán dun programa que contén actividades deportivas para practicar tanto na auga como tamén sobre terra firme.

Este programa, que desenvolve a Federación COGAMI-Pontevedra (Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra), conta coa financiación da empresa ENCE, con cargo á convocatoria do plan social ENCE Pontevedra, que se pode seguir nas redes baixo o lema   #enceplansocialpontevedra.

O programa consta de dúas partes, sendo unha delas “O que nos move por mar”, que mañá remata a súa actividade a bordo do veleiro Laion. Dende o  18 de xullo leváronse a cabo bautismos de mar na ría pontevedresa embarcando nos náuticos de Portonovo, Sanxenxo, Combarro e Beluso, que prestaron o seu apoio ao proxecto. En total participaron 68 persoas distribuídas en quendas de mañá e de tarde (de 11 a 14h. e de 16 a 19h.). Mañá, 22 de xullo, a navegación terá lugar en Sanxenxo. Esta actividade forma parte do programa Gavea (Galicia Vela Adaptada), que fai posible que a navegación a vela sexa máis accesible a todas as persoas.

Outra das actividades acuáticas que engloba este proxecto sería a realización de bautismos de mergullo en piscina, onde as persoas que participan poderán practicar e beneficiarse das diferentes técnicas de mergullo e iniciarse nesta disciplina deportiva. Será no último cuadrimestre do ano cando se desenvolva a actividade.

A segunda parte do mesmo, enmarcada en “O que nos move por terra”, está centrada na realización de rutas de sendeirismo a pé e tamén en bicicletas adaptadas, convencionais e cadeiras de rodas deportivas. Están propostas rutas polos concellos de Pontevedra, Poio e/ou Marín, que terán lugar tamén no último cuadrimestre do ano.

 

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, e no que se desenvolve o programa, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación, o que facilita o goberno da mesma.