• Novas
  • 10 de marzo de 2021

Federación ALCER Galicia fomenta hábitos saudables no Día Mundial do Ril

Federación ALCER Galicia fomenta hábitos saudables no Día Mundial do Ril

O 11 de marzo conmemórase o Día Mundial do Ril, unha data que serve para que dende as entidades ALCER provinciais, unidas na Federación autonómica, desenvolvan actividades saudables e reivindicativas para concienciar da importancia de coidarnos e que nos coiden.

Dende a Federación ALCER Galicia ven con preocupación como cada ano aumentan as persoas con enfermidade renal crónica, incrementando na última década un 30% as persoas que necesitan tratamento de diálise ou transplante para poder vivir, como así reflicten as 1.479 persoas en Galicia e as 64.000 a nivel estatal.

A ALCER preocúpalle tamén o impacto que o COVID-19 está causando nas persoas con enfermidade renal crónica, cunhas taxas de contaxio moi superiores á media da poboación, chegando a acadar unha taxa de mortalidade do 26,7%.

Dende a Federación ALCER Galicia lembra que é necesario fomentar hábitos de vida saudable, de aí que o lema deste ano escollido para o Día Mundial do Ril sexa `Vivir ben con enfermidade renal, fomentando hábitos de vida saudables´.

Outras propostas de mellora recaerían nas políticas sociosanitarias. Dende ALCER propoñen o acceso igualitario aos tratamentos de diálise, humanizar o transporte de persoas que se desprazan a diálise, fomentar as técnicas domiciliarias de diálise, igualar o baremo do certificado de discapacidade para persoas transplantadas, protexer do COVID-19 nos desprazamentos a hemodiálise e, debido á súa vulnerabilidade, priorizar na vacinación fronte ao COVID-19 ás persoas que están en tratamento renal substitutivo de diálise ou  de transplante.