• Novas
  • 07 de diciembre de 2018

Fundación Amplifon e COGAMI colaborarán para doar audífonos a persoas en situación vulnerable

Fundación Amplifon e COGAMI colaborarán para doar audífonos a persoas en situación vulnerable

Persoas que teñen déficit auditivo e con escasos recursos económicos poderán ter igualmente acceso a axudas técnicas ou produtos específicos que melloren a súa calidade de vida. Así o recolle un convenio asinado polo vicepresidente de COGAMI Ramón Sestayo, e mailo presidente da Fundación Amplifon, Obdulio Herrera Raya, e que vai permitir a mellora de calidade de vida de persoas con menos recursos ou en situación de vulnerabilidade.

O obxectivo do convenio é que entre COGAMI, Amplifon e a Fundación Amplifon exista unha colaboración regular para promover accións de solidariedade e benestar social en xeral, con atención especial ás persoas con problemas auditivos.

Neste senso, dende a Confederación comprométense a detectar, valorar e derivar a aquelas persoas que sexan susceptibles de seren atendidas pola Fundación Amplifon, organismo que ofrecerá servizos como a gratuidade dun estudo auditivo e dunha proba durante 30 días sen compromiso de compra, subvención de ata o 75% de audífonos, pilas gratis, descontos en axudas técnicas e reparacións dun 20%, revisión cuadrimestrais e anuais gratuítas e financiación personalizada segundo condicións económicas da persoa usuaria.

Outros dos compromisos adoptados por Fundación Amplifon será a doazón de audífonos que en cada caso teña por conveniente en atención das necesidades que acredite COGAMI.

Fundación Amplifon, é unha entidade sen ánimo de lucro, fundada en decembro de 2007 co propósito de mellorar a saúde auditiva dos diferentes sectores da poboación, priorizando a investigación e a innovación. Así mesmo, os o obxectivos da Fundación Amplifon son o impulso de proxectos de investigación, a impartición de formación, a divulgación de bos hábitos auditivos e o apoio aos colectivos desfavorecidos socialmente, particularmente, co ánimo de mellorar a saúde auditiva de todos os sectores da poboación con problemas auditivos e con dificultades socioeconómicas (en adiante “Obra Social Amplifon”).