• Novas
  • 24 de octubre de 2022

Fundación Integralia DKV e COGAMI celebran os Recoñecementos á Inclusión en Galicia

Fundación Integralia DKV e COGAMI celebran os Recoñecementos á Inclusión en Galicia

A Fundación Integralia, DKV e COGAMI organizaron os Recoñecementos á Inclusión en Galicia, un acto celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora da Coruña, que ten o obxectivo de recoñecer ás traxectorias persoais, familias, empresas e institucións comprometidas coas persoas con discapacidade en Galicia.

A xornada iniciou coa organización dunha mesa redonda que foi inaugurada polo subdirector da Fundación Integralia, Javier de Oña , baixo o título A inclusión laboral de persoas con discapacidade no marco dos ODS 2030, na que participaron relatoras de Limanfer Ferrol, Vegalsa, COGAMI, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e NTT Data, onde se compartiron boas prácticas das empresas galegas e debatido as barreiras e os retos dos diferentes actores clave – empresas, administración, entidades sociais e o propio colectivo- para unha plena inclusión socio-laboral das persoas con discapacidade.

O acto, contou coa participación da conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira, o presidente de Fundación Integralia e CEO de DKV, Josep Santacreu, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites. Tamén participaron no evento a directora da Fundación Integralia, Cristina González, e o director de Comunicación e Negocio Responsable de DKV, Miguel García.

Durante as participacións das persoas convidadas, a conselleira Lorenzana, sinalou “a importancia de impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade para favorecer o seu avance social e a súa integración”.Pola súa bada, para Josep Santacreu, “estes recoñecementos a persoas, empresas e institucións e administracións, contribúen a facer visible o compromiso de DKV coa causa social na que máis esforzo puxo a compañía ao longo dos anos: a discapacidade e á Fundación Integralia a reforzar os seus vínculos con organizacións que neste sector e en Galicia son un referente, como é COGAMI”. Remataba Anxo Queiruga destacando “a importancia dos recoñecementos que hoxe se entregaron supón de visibilidade e posta en valor do talento das persoas con discapacidade e a súa contribución, xunto ás entidades, empresas e centros especiais de emprego ao avance na construción dunha sociedade inclusiva, destacando a importancia de seguir traballando conxuntamente polas persoas, a súa inclusión e participación social en igualdade de oportunidades”.

As persoas galardoadas

Antonio Rodríguez Sotillos, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do Chuac (Hospital Universitario da Coruña), recibiu da man de Josep Santacreu unha distinción especial polo seu compromiso coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade de Galicia.

Yoya Neira, concelleira de Benestar, Igualdade e Participación do Concello da Coruña entregou o galardón á Traxectoria á Diversidade Profesional a Iago Pérez Santalla, doutor en Humanidades e Servizos Culturais, educador social, escritor e coach lucense, autor da teoría do «Ilímite» que sostén que calquera persoa “non ten máis límites que os que ela establece”.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI entregou o premio de Familia con Tesón á familia Rey Pérez. Milagros Rey agradece á organización este recoñecemento e confesa que o secreto do seu tesón foi saber reconducir a rabia. Esta enerxía é a que lle deu forzas para non deixar de reivindicar e así romper todas as barreiras que se atopou.

Yoya Neira, concelleira da Alcaldía da Coruña outorgou o premio ao Centro Especial de Emprego a Aixiña, un centro especial de emprego de Ourense no que traballan diferentes áreas como atención a persoas, centro de día e residencia, taller de estores, un taller de perchas, outro de artesanía e gravado de trofeos e un de restauración. “Desde 1991, en Aixiña sábese que un traballo digno é necesario. Por iso as 97 persoas con discapacidade que forman parte do persoal queren agradecer que hoxe podamos estar aquí e este Recoñecemento porque fai visible o noso traballo.” apunta Olga Cuiña, presidenta de Aixiña.

Juan Manuel Veites, presidente de CEG, deu o premio na categoría empresa responsable a Arnoia Distribución de Libros SA iniciada en Pontevedra hai máis de 30 anos e que mantén un compromiso coa sostibilidade ambiental e social, incluíndo no seu cadro de persoal a persoas que seleccionan a través dos servizos de emprego de COGAMI.

Miguel García, patrón da Fundación Integralia, entregou o premio Traxectoria á Diversidade Profesional a Vitoria González Vázquez, quen agradeceu á organización e á súa familia o apoio recibido e fai un chamamento "é verdade que a inclusión laboral é moi importante pero non nos podemos esquecer tamén da inclusión no lecer e o deporte."

Recoñecemento á Familia con Tesón recaeu no compostelán Juan Manuel Mata, quen recolleu o premio da man do presidente de COGAMI, polo traballo incansable na mellora da calidade de vida do seu fillo pola loita constante dos dereitos no día a día e capacidade de adaptación ante situacións adversas.

Carlos López Cachaza, director das sucursais da Coruña e Lugo de DKV, entregou o recoñecemento á Categoría de Centro Especial de Emprego ao CEE Emprego Social, iniciativa da Asociación Pro Enfermos Mentais de A Coruña "APEM" que ten por misión a promoción da integración laboral de persoas con discapacidade

José Manuel Maceira, secretario xeral adxunto de CEG, entregou o oitavo recoñecemento na categoría empresa a Contemar Servizos Ambientais con centros de traballo en Rábade e Lugo, que leva colaborando cos servizos de emprego de COGAMI, incluíndo persoal con discapacidade nos seus cadros.

Os novenos e décimos recoñecementos á Administración con Alma foron entregados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC), e ao Institución Valedoría do Pobo.