Foron un total de vinte os proxectos aprobados na convocatoria deste ano de subvencións de COCEMFE, entidade que ten un acordo coa Fundación ONCE para executar o Plan de Prioridades e acometer actuacións necesarias para a inclusión das persoas con discapacidade.
Tanto COGAMI como as súas entidades membro presentáronse á convocatorias de programas de atención á autonomía persoal como tamén de inversións en centros de servizos e vehículos de transporte colectivo, ascendendo a unha contía total de 294.566’25 euros.
Relacionados cos programas de atención para a autonomía persoal, o financiamento repártese en actividades que se desenvolven nos centros de recursos e entidades como a atención integral en Fingoi; adecuación de sistemas de comunicación; atención integral a persoas con enfermidade inflamatoria intestinal e fibrose quística; información e atención psicosocial a pacientes con artrite e con enfermidade renal crónica e orientación, apoio e asesoramento a persoas afectadas de esclerose múltiple.
Outros programas financiados a través deste Plan de Prioridades son o de vida autónoma e independente de persoas afectadas por enfermidades neuromusculares coa axuda dun asistente persoal; fisioterapia especializada en linfedema e lipedema, a consolidación de servizo de fisioterapia en Ponteareas e rehabilitación fisioterapia para persoas con Parkinson e enfermidades raras; a promoción da autonomía das persoas con amputación en Galicia, promoción dunha vivenda tutelada e un programa de sensibilización sobre a linguaxe inclusiva e non discriminatoria.
Os traballos de mellora de instalacións levaranse a cabo en Medelo con obras de mantemento e reparación; a renovación da plataforma de salvaescaleiras de acceso a AGORA; Íntegro desenvolve proxecto de promoción da autonomía persoal e vida independente e Ámbar realiza terapia ocupacional e impresión 3D. En canto ao transporte, Adisbismur contará cun vehículo adaptado a través do Plan de Prioridades.
Dos proxectos presentados en 2020, ademais dos de COGAMI, foron seleccionados os destas entidades membro: Acem Compostela, Accu, Adapta, Asearpo, AGFQ, Alcer Pontevedra, Avante, Acadar, Alcer Coruña, Asem Galicia, AGL, AODEM, Andade Galicia, Avempo, Agora, Íntegro, Ámbar e Adisbismur.