Co fin de ofrecer a máis persoas os produtos de artesanía de Galicia que deseñan no centro especial de emprego I-Lab, a asociación Grumico abre as portas da súa nova tenda física que está situada na cidade de A Coruña, no número 41 da rúa Ramón e Cajal.
Con horario de apertura de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas, neste novo establecemento traballa un equipo formado por seis persoas con discapacidade física que se encarga de vender as pezas de xoiería e bixutería, ademais de levar a cabo reparacións e adaptacións.
A tenda física é o lugar onde se expoñen os produtos que saen do centro especial de emprego I-Lab que se fundou no ano 2016, rexistrándose seis meses máis tarde como obradoiro de artesanía de Galicia. Aínda que dende o obradoiro saen deseños de xoias orixinais e variados, un dos máis demandados pola clientela é unha pulseira co adorno dun infinito.