• Novas
  • 15 de septiembre de 2021

ÍNTEGRO inicia un proxecto de recuperación de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca

ÍNTEGRO inicia un proxecto de recuperación de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca

A asociación Íntegro pon en marcha un proxecto medioambiental denominado Diversiplás, + Diverso – Plástico, encamiñado á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, que ten como protagonistas a diferentes axentes sociais da Costa da Morte, co fin de promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade, así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura.

Baixo o lema Traballando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible,  a entidade pretende promover a integración social das persoas con discapacidade preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas de colaboración para a posta en marcha de proxectos de economía circular.

Entre as liñas de actuación contempladas para este ano 2021 destacan a posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro e en colaboración coa Escola de Enxeñería da Universidade da Coruña e a iniciativa Fair Enough, ademais doutro programa de sensibilización que está orientado ao sector do mar, para mellorar as boas prácticas e reducir a presenza de plásticos na súa actividade.

Para 2022 hai programado a creación dun obradoiro para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar e a dinamización dunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos.