Está a piques de rematar agosto e con el finaliza tamén a causa á que durante este mes COGAMI lle dedicou a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano para conmemorar o 30 aniversario do nacemento da nosa Organización: referímonos ao voluntariado, actividade fundamental para a promoción da participación da sociedade en asuntos de interese Xeral.
COGAMI conta cunha bolsa formada por máis de mil persoas voluntarias inscritas, sendo unha delas Iván Pombo Fernández, mozo de Ponteareas, que dende hai tres anos colabora activamente nas charlas de sensibilización que se imparten nos centros de ensino.
Iván ten unha lesión medular dende hai 20 anos, así que ninguén mellor ca el mesmo para falarlle ao estudantado sobre prevención e tamén sobre sensibilización ante a discapacidade. “Se teño que destacar unha cousa é como os rapaces e rapazas cambian a súa idea sobre a vida dunha persoa con lesión medular”, apunta Iván unha das características que máis destaca durante as súas intervencións. Indica tamén que durante as charlas é necesario “ser un mesmo e non ter medio a contar a túa vida, como ocorre no meu caso”.
Iván di que lle gusta explicarlle ás nenas e nenos como é o día a día dunha persoa en cadeira de rodas e os problemas que se atopa cando sae á rúa para facer calquera xestión. Por iso di “ser voluntario faite sentir ben porque ves que a túa colaboración é útil”.
Para continuar con este programa de Voluntariado que COGAMI ten en marcha dende o ano 2001, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado vén de conceder unha subvención de 1.703€ para seren destinados a actividades de coordinación e dinamización da rede de voluntariado, actividades de sensibilización para o fomento e participación de persoas voluntarias e para o programa de formación de voluntariado.