O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o director de Banca de Empresas de CaixaBank en Galicia, Emilio Barreiro, selaron a colaboración de 15.500 euros que a Fundación “la Caixa” doou para levar a cabo o programa “É-CUME: equilibrando corpo e mente”, iniciativa que se desenvolverá no centro de recursos de COGAMI en Medelo (Silleda). Trinta persoas usuarias do centro gozarán durante os vindeiros meses dun programa terapéutico baseado en sesións de ioga adaptado e fisioterapia.
Emilio Barreiro trasladou ao presidente de COGAMI a súa satisfacción por poñer en marcha unha nova iniciativa dentro da “estreita relación que mantemos ambas partes”. “la Caixa” colabora en ámbitos como a inserción laboral ou o lecer inclusivo con COGAMI”, detallou, “pero, neste caso concreto, esta axuda ten por destinos axudar ás persoas usuarias na comarca do Deza a mellorar as súas condicións de vida e a saúde física e emocional”.
Desde COGAMI, Anxo Queiruga agradece o apoio que “unha vez máis mantén “la Caixa” con COGAMI e as súas entidades membro a favor das persoas con discapacidade” e tamén apunta que, programas de saúde como É-CUME “serven para mellorar a mobilidade das persoas e, polo tanto, mellorar a súa calidade de vida”.
“É-CUME: equilibrando corpo e mente” foi seleccionado dentro da convocatoria de Acción Social no Ámbito Rural da Fundación “la Caixa”, que busca ofrecer oportunidades aos colectivos en situación ou risco de vulnerabilidade do medio rural.