• Novas
  • 20 de julio de 2020

Laura Quintas, reelixida presidenta da Asociación Galega de Hemofilia para os vindeiros catro anos

Laura Quintas, reelixida presidenta da Asociación Galega de Hemofilia para os vindeiros catro anos

Tras catro anos encabezando a Asociación Galega de Hemofilia, Laura Quintas volve contar co apoio para continuar co seu labor na representación das persoas con hemofilia ou algunha outra coagulopatía conxénita de Galicia, durante a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria.

Tras o seu nomeamento, Laura Quintas  afirmou que “nos vindeiros catro anos centrarémonos en todas as cuestións que como movemento asociativo reclamamos e aínda non conseguimos. Tamén en paliar os enormes efectos negativos que a pandemia do COVID-19 está a ocasionar nas persoas con enfermidades crónicas como as coagulopatías, e que non se produza ningún retroceso nos éxitos acadados ata o de agora e no exercicio dos seus dereitos”.

Laura Quintas renova así a presidencia cun equipo formado por Susana García Martinez, vicepresidenta da entidade; Mª Isabel Valiela Pérez, que estará á fronte da Secretaría Xeral; Ricardo García Carrión como Vicesecretario; Celso Álvarez Pérez  como Tesoureiro; e como vogais, Iria Rico Varela e Brais Carreira Iglesias.

As principais liñas de actuación que expón a directiva, que repite de forma íntegra, son mellorar o acceso ás novas opcións terapéuticas e fomentar a investigación nas coagulopatías máis raras que a día de hoxe non teñen tratamento; impulsar  a participación activa da entidade e das persoas con coagulopatías das zonas rurais; conseguir a visibilización das mulleres con coagulopatías e alcanzar unha mellor coordinación entre o ámbito social e o sanitario.

Doutra banda, durante a Asemblea aprobáronse as contas anuais, a memoria de actividades do pasado ano así como o plan de actuación para este ano 2020.

Máis de 500 persoas galegas con hemofilia

En Galicia, máis de 500 persoas teñen hemofilia ou algunha outra coagulopatía conxénita e dependen dun tratamento adecuado que minimice o risco infeccioso, e que evite contaxios como os sufridos no pasado con resultados mortais para algúns enfermos.

A Asociación Galega de Hemofilia (Agadhemo), foi fundada o 6 de xuño de 1988 e atópase integrada dentro da Federación Española de Hemofilia, constituída no mes de outubro do mesmo ano. A día de hoxe, o colectivo representa a práctica totalidade das persoas con hemofilia en Galicia.

Agadhemo, entidade declarada de Utilidade Pública segundo a Orde do 18 de outubro de 2010, é membro activo de COGAMI (Confederación Galega de persoas con discapacidade).

Para máis información, poden contactar no teléfono 661 558 420 ou consultar a web www.hemofiliagalicia.com.