• Novas
  • 27 de mayo de 2021

Máis de 50 persoas con esclerose múltiple de Compostela beneficiarias do servizo de psicoloxía da entidade ACEM

Máis de 50 persoas con esclerose múltiple de Compostela beneficiarias do servizo de psicoloxía da entidade ACEM

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, ACEM, renova o seu servizo de Intervención psicolóxica en esclerose múltiple, un servizo especializado moi demandado polas persoas afectadas pola enfermidade e as súas familias.

Este servizo está enmarcado  no programa Atención social e asesoramento especializado e está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

As actuacións desta intervención psicolóxica especializada van encamiñadas a: identificar e intervir nos distintos trastornos, proporcionando habilidades para o afrontamento do estrés diario e control da ansiedade; detectar e procurar o cambio de pensamentos, crenzas erróneas e disfuncionais en torno á enfermidade e as súas implicacións; alentar a expresión de sentimentos, ofrecer apoio, soporte verbal e información; mellorar a autoestima e motivar no establecemento e consecución de novas metas.

A esclerose múltiple é unha das enfermidades máis comúns do sistema nervioso central, afectando en Galicia a máis de 4.000 persoas, unha das taxas máis altas dentro de España, que contempla a máis de 47.000 persoas.

É unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante, neurodexenerativa e progresiva do Sistema Nervioso Central. Os síntomas tempranos máis habituais son a fatiga, problemas de visión, formigueos, entumecementos, vértigos e mareos, debilidade muscular, espasmos e problemas de equilibrio e coordinación. Moitas manifestacións da enfermidade son ‘invisibles’, pero inciden no día a día destas persoas. A incapacidade que provoca caracterízase por trastornos motores, cognitivos e da agudeza visual, acompañada doutras alteracións como ansiedade e depresión.

As persoas socias de ACEM interesadas neste servizo poden contactar coa asociación nos teléfonos  98 575 240 – 620 533 471 e no mail acem.santiago@gmail.com