Un programa de COGAMI dirixido á promoción da igualdade entre mulleres e homes favoreceu a participación dun total de 65 mulleres con discapacidade, moitas en situación de emerxencia social e de especial vulnerabilidade, con multiplicidade de factores de exclusión social, como o desemprego, con maiores dificultades de inserción ou participación social derivadas de circunstancias persoas e/ou familiares. A todas elas, proporcionóuselle o apoio necesario para desenvolver o seu plan vital.
Financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, este programa dirixiuse á promoción da igualdade entre mulleres e homes, potenciando a participación e a presenza de mulleres na vida política, económica, cultural e social, así como a atender a todas aquelas mulleres con discapacidade que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Para isto, desenvolvéronse actuacións de información e asesoramento, en especial naquelas mulleres que viven situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural, a través de itinerarios personalizados, utilizando unha metodoloxía centrada na persoa, tras analizar as necesidades e realizando intervencións cun enfoque comunitario, incidindo no propio entorno natural das persoas.
Un equipo formado por seis traballadoras sociais de COGAMI en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Lugo foi o que desenvolveu este programa mediante a promoción das capacidades de cada unha das sesenta e cinco mulleres participantes, para mellorar a súa autonomía persoal a través do trazado de itinerarios personalizados de intervención social con persoas con discapacidade en situación de especial vulnerabilidade.