O Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal durante este primeiro semestre do ano continuou coa mesma liña de traballo que durante o ano 2019, data na que iniciaba co fin de promocionar a autonomía da persoa en situación de dependencia. Esta experiencia de boas prácticas analiza as técnicas, procedementos e actuacións a levar a cabo en base ás necesidades da persoa e as carencias existentes nos recursos de proximidade na contorna.
As diferentes intervencións que se ofrecen a través desta experiencia de boas prácticas están baseadas na identificación das áreas de apoio dunha persoa con discapacidade en situación de dependencia. Durante o primeiro semestre deste ano, realizáronse máis de 4.000 intervencións coas persoas usuarias do proxecto, entre as que destacan entrevistas familiares e persoais, visitas na contorna natural da persoa para facer intervencións nos domicilios e nos centros educativos, por exemplo, sesións individuais e grupais, valoracións profesionais, entre outras.
Tamén neste semestre recibíronse 20 solicitudes novas para poder formar parte do proxecto no que participaron un total de 32 persoas nas que se traballou con elas o deseño dun plan de apoio personalizado para a promoción da súa autonomía, intervencións e asesoramento en accesibilidade nos centros escolares, coordinación de recursos na contorna no ámbito sanitario e social e tamén se puxo en marcha a terapia acuática como un recurso máis na procura da mellora da persoa.
Despois dun ano continuado formando parte no proxecto, foron 15 persoas as que o finalizaron. Tralo seu paso, conseguiuse que acadaran máis do 93% dos obxectivos de autonomía persoal propostos no seu plan de apoio personalizado, conseguindo un grao de satisfacción de 4,6 nunha escala de 5.