COGAMI conta cun Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego dirixido a persoas con discapacidade, para favorecer a súa inclusión sociolaboral a través do deseño de itinerarios axustados aos seus intereses, necesidades e capacidades.
Neste programa, que se desenvolve nas instalacións que COGAMI ten en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo, participan un total de 130 persoas con discapacidade recoñecida, priorizando nas que perciben unha renda de inclusión social, o ingreso mínimo vital, nas que están en situación de risco ou exclusión social ou nas que foron derivadas por equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios ou outras entidades sociais.
Este servizo de inclusión está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF de todas as persoas que ao facer a declaración da renda marcaron o recadro da X Solidaria.
No servizo desenvolvéronse actuacións como a diagnose, deseño, seguimento e avaliación de cada unha das persoas participantes, ademais dun acompañamento social e laboral e o deseño de accións que fortalezan as súas capacidades persoais. Intervencións individuais e grupais de competencias básicas para o emprego, foron outras das accións desenvolvidas e encamiñadas ao acceso ao mercado laboral.