• Novas
  • 17 de noviembre de 2022

Máis de cinco mil persoas beneficiáronse dos programas que desenvolve COGAMI orientados á inclusión sociolaboral

Máis de cinco mil persoas beneficiáronse dos programas que desenvolve COGAMI orientados á inclusión sociolaboral

Un convenio de colaboración asinado durante este ano entre COGAMI e a Consellería de Política Social para o financiamento do programa de atención a persoas con discapacidade e ás súas familias, ademais do mantemento de COGAMI e das súas 56 entidades membro beneficiou a un total de 5.271 persoas usuarias.

Tendo por obxectivo a prestación dunha atención o máis integral posible ás persoas con discapacidade e familias, esta colaboración entre ámbolos organismos permite fomentar a autonomía persoal para que sexa posible a inclusión social e laboral a través da participación activa das propias persoas.

As actividades desenvolvidas estiveron relacionadas cos servizos que presta COGAMI como o de información, asesoramento e orientación dirixido a persoas con discapacidade e familias; o de intervención social nas áreas de muller, especialmente nas embarazadas e lactantes, e en persoas con grande discapacidade; ademais do programa de promoción da autonomía persoal a través do fomento da saúde con actividade física.

A través deste convenio tamén se realiza o programa de formación e intermediación laboral que desenvolve actividades dirixidas á mellora da cualificación profesional e académica; realízase sensibilización e concienciación; particípase a través de voluntariado; foméntase o lecer inclusivo en programas culturais, lúdicos e educativos e  apóiase ao movemento asociativo para o cumprimento de trámites administrativos.

Entre os logros conseguidos tras estas accións levadas a cabo destacan as 1.697 consultas atendidas, sendo sobre accesibilidade 26 destas, realizáronse 301 intervencións sociais, mentres que 185 persoas voluntarias participaron en diferentes programas. Un total de 166 solicitudes de apoio trasladadas dende as entidades membro foron resoltas e, con respecto ao programa de Lecer, participaron durante este ano 438 persoas e as actuacións de sensibilización e concienciación sobre a discapacidade chegaron a 1.422 persoas.