Dende que iniciou o día 1 de xaneiro ata o seu remate o 30 de setembro, foron un total de 63 mulleres con discapacidade as que se beneficiaron do Servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade de COGAMI, un programa que financian a Secretaría Xeral de Igualdade a través do programa de recursos integrais e o Fondo Social Europeo, con cargo ao programa operativo FSE de Galicia 2014-2020.
Este servizo, desenvolvido polas traballadoras sociais que ten COGAMI nas instalacións de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, tivo por obxectivo dar resposta ás necesidades específicas do colectivo tendo en conta a realidade social na que viven. Para isto, prestáronse servizos de información, orientación e asesoramento, realizouse intervención coa persoa e coa familia ademais de intervencións individualizadas e colectivas dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, con accións encamiñadas de cara ao mercado laboral.
A través de todas estas accións realizadas de maneira personalizada e especializada coas mulleres con discapacidade, contribúese á consecución dos obxectivos vitais de cada unha delas para dotalas dunha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal, social e laboral; así como previr e dotar ás mulleres de recursos persoais suficientes para afrontar posibles situacións de risco, adquirir un maior empoderamento persoal e promocionar a activación de cara á busca de emprego.