• Novas
  • 09 de noviembre de 2018

Máis do 90% dos inmobles galegos de máis de 1 andar non son accesibles. AEGA e COGAMI reúnense cos responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo para impulsar a Accesibilidade Universal

Máis do 90% dos inmobles galegos de máis de 1 andar non son accesibles. AEGA e COGAMI reúnense cos responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo para impulsar a Accesibilidade Universal

As empresas que integran a Asociación Empresarial Galega de Ascensores (AEGA) xunto a  COGAMI mantiveron un encontro co director  Xeral de Só e Edificación do Instituto Galego de Vivenda e Solo,  Heriberto García, e o Director Técnico, Ricardo Valencia.

Esta reunión encádrase dentro do convenio de colaboración que  AEGA e COGAMI asinaron en 2017 polo que se comprometeron a levar a cabo accións conxuntas para promover a accesibilidade universal en Galicia. Entre as actuacións realizadas destacan as visitas aos principais concellos que empezaron no primeiro semestre do ano e que tras solicitar distintas inquietudes consideraron necesario trasladalo ao IGVS para buscar entre todos solucións aos distintos problemas.

Nesta ocasión, desde  AEGA e  COGAMI trasladáronlle ao IGVS a mesma problemática e é que, a pesar da entrada en vigor a Lei de Accesibilidade Universal desde o 4 decembro de 2017, na práctica segue sen ser efectiva. Máis do 90% das edificacións galegas de dúas ou máis plantas non son accesibles, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de  Estatística. Neste encontro, do mesmo xeito que nos celebrados cos concellos, preténdense buscar vías de colaboración que permitan mellorar esta realidade para o que se propuxeron diferentes solucións.

O obxectivo principal, compartido por todos as persoas asistentes, é a necesidade de sensibilizar fronte ao problema social que supoñen as barreiras arquitectónicas, tarefa na que aínda queda moito que facer.

Entre as propostas expostas por  AEGA e  COGAMI destaca a posibilidade de ocupar o espazo público en determinados casos, e para iso, é necesario que desde o Observatorio da Vivenda se trasladen recomendacións aos concellos á hora de definir cando é economicamente inviable a instalación do ascensor por dentro dunha vivenda e debe facilitarse a ocupación de espazo público. Tamén é necesario que conciencien sobre a importancia da axilidade á hora de tramitar as licenzas relacionadas coa mellora de accesibilidade, nalgúns concellos galegos, os prazos dilátanse por encima do ano.

Nesta reunión propúxose que no caso de que non exista a posibilidade de mellorar a accesibilidade o interior da vivenda mediante ascensores ou rampla, sexa posible facer a obra no exterior ou en patios interiores, permitindo neste caso superar o límite de edificabilidade da parcela, ou unindo varias propiedades, sendo este un dos casos que máis se repite nas cidades galegas con casco antigo.

O Instituto  Galego de Vivenda e Solo informou sobre as axudas actualmente en vigor para rehabilitación e mellora da  accesibilidade, contando cunha liña concreta de axudas para ascensores e elevadores, e comprometeuse a seguir realizando accións para contribuír á mellora da accesibilidade en Galicia de acordo ás súas competencias.