• Novas
  • 12 de agosto de 2021

Misela realiza saídas á praia para recoller o lixo e darlle unha segunda vida tras reciclalo

Misela realiza saídas á praia para recoller o lixo e darlle unha segunda vida tras reciclalo

A asociación Misela está a participar nun proxecto do coidado do medio ambiente e de aposta pola economía circular. Baixo o nome de Voga Voga, no taller do centro ocupacional que a entidade ten en Noia realízanse saídas semanais ás praias e zonas do litoral do concello para facer limpezas de recollida de lixo.

Unha vez rematada esta labor, proceden a clasificar e seleccionar do material plástico para ser tratado nas tres máquinas das que dispón o centro, sendo unha destas para transformalo en pequenos fragmentos e as dúas restantes para darlle forma en obxectos totalmente renovados.

Pinzas, perchas, chaveiros, peites e mesmo botóns son algúns dos novos produtos nos que se transforman os plásticos que aparecen tirados polo medio mariño e que tanto dano lles ocasionan á súa fauna e flora.

O proxecto Voga Voga, no que participan persoas con discapacidade intelectual maiores de 16 anos que acoden ao centro de Misela, foi financiado nun 81% a través de GALP Costa Sostible, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro no marco do FEMP, cunha contía de 37.602,80€.