A Asociación de Mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR) pon en marcha na provincia de Ourense a II edición do “Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego” para mulleres con discapacidade, iniciativa da que xa se beneficiaron máis de 80 mulleres con discapacidade das provincias de Pontevedra e A Coruña, e que conta co apoio de COGAMI.
Esta iniciativa desenvólvese a nivel estatal a través do convenio establecido entre Obra Social “la Caixa”, por medio do programa Incorpora, e a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE).
O obxectivo principal do programa é fomentar o empoderamento e potenciar a integración sociolaboral dun colectivo que tradicionalmente se enfronta a unha múltiple discriminación: a de ser muller, ter unha discapacidade e vivir no medio rural. Mediante a intervención individual, grupal e de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, preténdese empoderar ás mulleres con discapacidade para fomentar a súa autonomía social e económica, de forma que deixen de ser obxecto doutras persoas e se convertan en persoa protagonista da súa propia historia.
“Despois de estar anos sen traballar, sen expectativas de atopar traballo, con inicios de depresión porque cheguei a crer que eu tiña a culpa de todo o malo que me estaba sucedendo, participar neste programa para min supuxo unha oportunidade grande porque atopei traballo e estou encantada”, comenta Salomé Fernández, unha das mulleres participantes no programa da edición anterior.
Cerca de 75 mulleres con discapacidade da provincia de Ourense participan en 2018 no programa Empoderamento e Activación para o Emprego, que se desenvolve nas comarcas de A Limia, O Carballiño, Ourense, Valdeorras e Terra de Celanova. Con elas realizarase un itinerario personalizado de inserción sociolaboral, sesións grupais de apoio psicosocial, intervención grupal orientada ás habilidades prelaboais e alfabetización tecnolóxica, así como o seguimento a nivel individual para a consecución de obxectivos e metas específicas expostas con cada beneficiaria.
Ademais, traballarase de forma coordinada no Programa Incorpora de “la Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE e que ofrecerá orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa na busca activa de emprego.