• Novas
  • 25 de marzo de 2019

No Día da Saúde, a Comisión Sociosanitaria de COGAMI demanda saúde para todas as persoas

No Día da Saúde, a Comisión Sociosanitaria de COGAMI demanda saúde para todas as persoas

A Comisión Sociosanitaria de COGAMI conmemora o Día da Saúde facendo un chamamento ante estas cuestións que considera básicas:

1ª. Necesidade dun acceso en igualdade á saúde, porque é un dereito de todas as persoas. A discapacidade, as enfermidades crónicas e/ou de baixa incidencia ou o lugar de residencia non poden supoñer unha barreira.

2ª. É necesario avanzar na humanización da saúde, proporcionando as ferramentas necesarias para unha adecuada atención e información ás persoas de forma que poidan participar na toma de decisión sobre a súa saúde.

3ª. Cómpre tomar medidas para regular adecuadamente o acceso aos medicamentos, dereito fundamental de todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia.

Cando nace a Comisión Sociosanitaria.

Nos últimos anos o movemento asociativo COGAMI viuse incrementado por un maior número de entidades de carácter sociosanitario. Son asociacións de persoas que teñen unha enfermidade crónica, polo que a súa problemática sitúase tanto no plano social como no sanitario.

Polo tanto, a Xunta Directiva de COGAMI aproba a creación da Comisión Socionsanitaria con data de 15 de xullo de 2011.

Por que nace. Causas.

En 2009 a Xunta de Galicia anunciou a elaboración dun plan de actuación sociosanitario para articular os mecanismos de coordinación dos servizos sociais e sanitarios, tendo previsto recoller nel cales serían as persoas sociosanitarias, as prestacións, os niveis de intervención, a coordinación entre a iniciativa social, a pública, a privada e os distintos servizos hospitalarios e de atención primaria, ademais da corresponsabilidade do financiamento da atención sociosanitaria. 

É na “Estratexia SERGAS 2014: a sanidade pública ao servizo do paciente”, elaborada sen a participación das entidades de pacientes, onde se promulgaba unha asistencia eficaz e de calidade adaptada ás persoas, un trato individualizado e digno para os pacientes e unha xestión transparente e eficiente.

Na “Estratexia SERGAS 2020” aparece como liña estratéxica a “Atención Integral Adaptada ás Necesidades dos Pacientes, Familiares e Coidadores” con unha serie de liñas orientadas ás necesidades dos pacientes e á mellora da atención á cronicidade. Nesta nova estratexia, que conta xa coa creación do Consello Asesor de Pacientes, comeza a contar coa participación das asociacións de doentes.

Aínda así, a piques de vencer o prazo de aplicación da estratexia,  queda moito por facer, tempo despois de poñer en marcha esta estratexia e case seis anos despois de que se anunciara a creación dese plan de actuación sociosanitario, en Galicia non existe unha coordinación axeitada para as persoas que precisan apoio social e sanitario ao mesmo tempo, máis alá dos servizos que poidan existir para as persoas con enfermidade mental.

Obxectivo da Comisión Sociosanitaria.

- Impulsar a correcta intervención sociosanitaria das persoas con discapacidade e problemas engadidos relacionados coa saúde, especialmente como consecuencia dalgunha enfermidade crónica.

- Participar nos grupos acreditados da rede sociosanitaria galega de carácter institucional ou privado.

- Participar nas mesas técnicas Sociosanitarias do SERGAS, tanto no ámbito autonómico como provincial.

- Participar na elaboración de protocolos de saúde no marco da actividade hospitalaria.

- Analizar as implicacións do desenvolvemento do SAAD no modelo sociosanitario galego e na rede de centros de atención a persoas con discapacidade.

- Revisar o catálogo ortoprotésico.

- Revisar e controlar a lexislación especifica en materia de sanidade e discapacidade.

- Revisar e controlar a lexislación en materia de criterios de valoración dos EVOS.

- Asegurar a accesibilidade nos centros da rede sanitaria galega.

- Velar por un servizo de reclamacións e atención ao doente.

- Crear protocolos xerais de atención.

- Controlar a lexislación xeral.

Quen conforma a Comisión Sociosanitaria?

Neste grupo de traballo participan persoas delegadas polas entidades membro de COGAMI e algunha persoa allea que poida ser considerada de relevancia polos seus coñecementos ou experiencias no eido sociosanitario.

Entre as diferentes patoloxías representadas atópanse: o lupus, a esclerose, a fibromialxia e fatiga crónica, a hemofilia, as enfermidades do ril, o crohn e colite ulcerosa, as enfermidades reumatolóxicas, as persoas con amputacións, as persoas con lesión medular, o linfedema e a  espondilite. Ademais participan entidades que abarcan todo tipo de discapacidades e outras orientadas a idades temperás.

De que se encarga:

- Servir de interlocutor á administración pública sanitaria, achegando as consideracións pertinentes en canto ás necesidades sociosanitarias das persoas con discapacidade.

- Supervisar e colaborar no catálogo ortoprotésico.

- Supervisar e colaborar na elaboración dos decretos de sanidade.

- Supervisar e colaborar nos plans de actuación do SERGAS.

- Apoio a colectivos específicos nas súas reivindicacións.

- Potenciar as necesidades de accesibilidades no ámbito hospitalario: análise de carencias actuais.

- Asesorar en procedementos de reclamacións individuais ou colectivos.