• Novas
  • 09 de marzo de 2023

No Día Mundial do Ril a Federación Alcer Galicia sensibiliza sobre unha enfermidade que afecta ao 15% da poboación adulta

No Día Mundial do Ril a Federación Alcer Galicia sensibiliza sobre unha enfermidade que afecta ao 15% da poboación adulta

O 9 de marzo conmemórase o Día Mundial do Ril, unha data que pretende sensibilizar sobre a enfermidade renal crónica, un problema de saúde grave que afecta entre o 10 e o 15% da poboación adulta e se sitúa entre as 10 primeiras causas de mortalidade en España, coa previsión de que sexa unha das 5 primeiras no ano 2040.

O número de persoas que precisan de diálise ou dun transplante acada xa as 65.740 persoas en España, iniciando 7.804 o tratamento de diálise ou transplante no ano 2021. En Galicia, empezaron tratamento renal substitutivo 451 persoas e a 31 de decembro de 2021 había 3.973 persoas en TRS.

Dende a Federación Alcer Galicia reclaman un plan con medidas de prevención e diagnose precoz para frear o crecemento da enfermidade renal, avances nas melloras de tratamento e calidade de vida das persoas con patoloxías renais potenciando os tratamentos domiciliarios  para facilitar o proxecto de vida das persoas en tratamento renal substitutivo nun territorio de alta dispersión como é o galego. Alcer Galicia considera tamén que se deben establecer medidas de prevención fronte a catástrofes para colectivos altamente vulnerables como ocorreu durante os peores momentos da pandemia.