• Novas
  • 16 de enero de 2023

O 45% das persoas formadas a través de COGAMI en 2022 lograron a inserción laboral

O 45% das persoas formadas a través de COGAMI en 2022 lograron a inserción laboral

COGAMI desenvolve un plan de formación que ten por obxectivo capacitar á persoa para que logre o seu desenvolvemento profesional. Sendo o obxectivo final a inserción laboral, este programa formativo está adaptado ás necesidades e capacidades da persoa con discapacidade, destinataria desta formación, pero tamén contempla as demandas do tecido empresarial das zonas onde se imparten estes cursos.   

Ao longo de 2022, COGAMI impartiu 42 cursos dos que oito continúan durante o actual exercicio 2023. Un total de 368 persoas son as formadas por COGAMI, 169 mulleres e 199 homes. De todas estas persoas formadas, o 45,6% logrou inserirse laboralmente ao longo do ano tras pasar por esta formación. “O balanzo nos resultados é moi positivo”, apunta Paco Abuín, coordinador da área de Formación de COGAMI, quen engade que “incrementamos o número de cursos e de alumnado con respecto ao ano anterior, que foi un ano de transición despois da situación máis crítica do COVID”.

Para poder desenvolver estes cursos, contouse co apoio financeiro da Administración Pública como a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Fondo Social Europeo, e tamén por organismos sociais como a Fundación ONCE e Fundación “la Caixa”.

COGAMI destinou 4.907 horas á formación de persoas, co fin de dotalas de preparación para que acaden unha oportunidade laboral o antes posible. Os cursos impartidos desenvolvéronse tanto en zona urbana como rural, sendo as zonas rurais de interese para COGAMI por careceren de máis servizos que nas cidades. Explica Abuín que “o obxectivo final desta formación é lograr a inserción laboral das persoas con discapacidade, porque son elas as principais destinatarias do servizo”.

Os cursos que contemplou o programa formativo de COGAMI durante o ano 2022 e os concellos nos que se impartiron foron: Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais en Cabana de Bergantiños; Competencia matemática en Vigo e Ourense; Xestión de almacén en Lugo; Comunicación en lingua castelá en Ourense e Vigo; Controlador/a de accesos en A Coruña; Alfabetización dixital en Boiro, Lugo, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Pontevedra; 2 cursos de Condución de carretilla elevadora en Santiago; Atención ao cliente en Ferrol, Ourense e A Coruña; Limpeza, desinfección sanitaria en A Coruña; Operador ponte guindastre en Santiago; Comunicación en lingua galega en Vigo e Ourense; Acompañante de transporte adaptado en Vigo; Limpeza en superficies en Vigo; Almacén en Ourense; Carretilla elevadora en Ourense; Xestión de residuos urbanos en Lugo; Competencias dixitais en Vigo; Competencias clave en Vigo; Persoal de limpeza en Ferrol;

2 Talleres traballando en dixital en Lugo; curso de Carniceira/o en Lugo; limpeza hospitalaria en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra; Almacén e carretilla en Vigo; Conserxería e recepcionista en Marín; Recepcionista de oficina impartido na comarca do Salnés e o curso de Expendedor de combustible impartido en Cuntis.

Os cursos que iniciaron en 2022 e continúan durante o ano actual, todos eles AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), son de Actividades administrativas na relación co cliente en Ferrol, Cabana de Bergantiños e A Coruña; Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais en Santiago, Lugo e Pontevedra e de Competencias matemáticas N2 en Ourense e Vigo.

Cada vez que se imparte un curso, téñense en conta as necesidades da persoa e tamén as demandas do tecido empresarial da zona, xa que o obxectivo final desta formación é lograr a inserción laboral das persoas con discapacidade, as principais destinatarias deste servizo.