O centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, Silleda, participará durante este ano na Semana Europea da Artesanía, unha xornada coa que se pretende visibilizar o traballo artesanal que as persoas usuarias deste centro realizan nos obradoiros de cerámica, teares, coiro e cestería.
Durante os días 28, 29 e 31 de marzo e 1 de abril, en horarios de 10:00h. a 14:00h e de 15:30h. a 17:00h., as portas do centro estarán abertas a todas as persoas que desexen asistir a calquera dos obradoiros que se desenvolven e de maneira gratuíta, sendo necesario reservar praza contactando no teléfono 986 581 387.
Co fin de dar a coñecer os obradoiros que se desenvolven no centro a través da visibilidade das capacidades das súas persoas usuarias e da reivindicación da igualdade de oportunidades, dende Medelo realizarán durante estes días unha demostración en directo sobre o deseño, elaboración e tratado de diferentes pezas artesanais, coa fin de amosar as técnicas e procesos utilizados no tratamento das diferentes materias como coiro, barro, fío ou vimbio.
Con esta actividade de portas abertas, dende Medelo preténdese poñer en valor o produto artesanal feito a man, fomentar e divulgar os oficios artesanais visibilizando as capacidades das persoas con discapacidade e reivindicar a igualdade de oportunidades.
O centro Medelo de atención diúrna especializado en proporcionar atención personalizada a persoas con discapacidade intelectual y necesidades de apoio, céntrase na promoción da vida autónoma, na normalización das condicións de vida e na adquisición de coñecementos do ámbito ocupacional ou prelaboral que faciliten a súa inclusión sociolaboral.