• Novas
  • 01 de septiembre de 2022

O centro de COGAMI en Monteporreiro mellora as instalacións cos fondos da X Solidaria

O centro de COGAMI en Monteporreiro mellora as instalacións cos fondos da X Solidaria

O centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Monteporreiro, Pontevedra, regresa das vacacións de verán con melloras nas súas instalacións e servizos.

Unha destas melloras que se levou a cabo foi o pintado de todas as paredes e teitos do conxunto das instalacións, ademais da modificación de toda a iluminación das salas de atención, recepción, baños e aula de formación.

Estas melloras foron financiadas a través dos fondos do 0,7% do IRPF de todas as persoas que marcaron o recadro 106 de `Actividades de interese xeral consideradas de interese social´ ao facer a declaración da renda e que son xestionados pola Xunta.

Tamén con este financiamento se puido incorporar novo material ao servizo de fisioterapia e contratouse a un condutor para continuar co servizo de transporte adaptado que se encarga de trasladar ás persoas dende as súas casas ata o centro de luns a venres.

O centro que COGAMI ten en Monteporreiro é de atención diúrna, e presta apoio a persoas con discapacidade física para cubrir as súas necesidades na mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida. Ofrece prazas de atención terapéutica concertadas e privadas. Actualmente, conta 10 persoas traballadoras que atenden a 17 persoas usuarias que acoden dende os concellos de Barro, Cangas, Poio, Pontevedra, Moraña.

Aparte do transporte adaptado e da rehabilitación, outros dos servizos levados a cabo en Monteporreiro son: educación básica, obradoiros artesanais e formativos, actividades de lecer, deportivas e culturais e comedor.