Ante a situación enerxética actual e o contexto económico e social que vivimos, o Concello de Silleda reformulou o relativo á decoración de Nadal, chegando a prescindir do alumeado nas rúas e substituílo por creacións feitas por material de refugallo e segundo uso. Así o anunciou o alcalde, Manuel Cuiña, nunha rolda de prensa á que asistiron o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, o director do centro de recursos de Medelo, Iván García, e as concelleiras de Cultura e Comercio, Mónica González e Pili Peón.
Par levar a cabo esta decoración, dende o concello contaron coa colaboración do centro de recursos de Medelo, un xesto que dende COGAMI se lle agradeceu, segundo expresou Iván García, “foi un proxecto que gustou moito, con vistas a continuar e que esperamos que guste ao pobo”. Aínda que esta aposta contou dende o inicio coa aprobación de todo o centro, segundo Iván “enfrontámonos a un reto porque queremos que sexa tamén un traballo moi participativo e que as 26 persoas que acoden ao centro participen en todas as creacións”.
Madeiras, palets e plásticos, entre outros, serán algúns dos materiais que van ter unha segunda vida neste proxecto. Ademais indicou que as creacións, seguindo coa filosofía da iniciativa, irán acompañadas de carteis informativos que explicarán de onde vén o produto e como se reutiliza.
O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, cualificou como “innovadora” esta iniciativa e expresaba que “temos moita ilusión neste proxecto, que ademais pon en valor ao pobo e ás persoas con discapacidade”. Para o rexedor municipal, a iniciativa nace para continuar, segundo dixo “a nosa idea é seguir o vindeiro ano con máis tempo e conseguir marcar un fito tendo todo o ano para desenvolver a idea”.