• Novas
  • 21 de enero de 2022

O centro de Medelo recibe a visita do Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta

O centro de Medelo recibe a visita do Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, acompañado do secretario, Víctor Silva, e do director do centro de recursos de Medelo, Iván García, recibiron a visita do director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fernando González Abeijón, quen chegou coa concelleira de Benestar Social do concello de Silleda, Pilar Peón, para realizar un percorrido polas instalacións deste centro que conta cunha vintena de prazas financiadas con fondos públicos.

Abeijón puxo en valor a atención que reciben as persoas usuarias e as súas familias nas instalacións do centro de Medelo e anunciou que a Xunta destina máis de 220.000 euros aos coidados e a atención das persoas usuarias, financiando con fondos públicos 20 das 27 prazas ocupadas.

O centro de recursos de Medelo é de atención diúrna e presta apoios para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e familias, ás que lles mellora a autonomía e, por conseguinte, a calidade de vida. O centro conta con atención profesional personalizada e programas de rehabilitación, educación básica, obradoiros artesanais e de formación, ademais de actividades de lecer, deportivas, culturais xunto ao servizos de comedor e transporte adaptado.