A directora do centro CEIP Plurilingüe de Silleda, María Consuelo Rodríguez, achegouse ata o centro que ten COGAMI en Medelo para entregarlles o recadado durante o posto que tiñan colocado na Praza Juan Salgueiro para participar na VI Feira da Alegría.
O importe doado consistiu en 1004,24 €, unha cantidade que resultou recadada trala venda de obxectos decorativos de Nadal elaborados a través de materiais reciclados aos que lle deron unha segunda utilidade.
Dende o centro de Medelo queren agradecer publicamente este acto de xenerosidade por parte do centro de ensino, e adiantouse que esta aportación económica servirá para investir en materiais para darlle continuidade aos obradoiros que desenvolven no centro como o de cestería, deseño de alfombras e coiro, entre outros.