• Novas
  • 25 de octubre de 2022

O centro de recursos de COGAMI en Medelo incorpora un vehículo adaptado para transporte das persoas usuarias

O centro de recursos de COGAMI en Medelo incorpora un vehículo adaptado para transporte das persoas usuarias

O centro de recursos que COGAMI ten en Medelo incorporou un novo vehículo ao servizo de transporte adaptado que presta para o traslado de persoas usuarias dos concellos de A Estrada, Forcarei e Silleda ao centro.

O vehículo, un Ford Transit de 9 prazas totalmente adaptado para persoas usuarias de cadeira de rodas, realiza dúas rutas diarias de recollida dos domicilios ao centro durante as mañás, e de volta ás casas durante a tarde, permitindo o traslado dun total de 6 persoas con discapacidade intelectual e mixta ao servizo de atención diúrna ocupacional.

Este vehículo financiuse a través da subvención destinada a programas de interese xeral para fins sociais que xestiona a Xunta a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas que marcaron na declaración da renda o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, máis coñecida por X Solidaria.

Con esta adquisición o centro conta xa con 4 furgonetas de 9 prazas e un microbús de 15 que facilitan a asistencia ao centro dun total de 26 persoas usuarias das zonas rurais da comarca do Deza e concellos limítrofes como Silleda, Lalín, Agolada, Rodeiro, Vila de Cruces e Dozón – Vedra e Boqueixón, ademais da comarca de Tabeirós e Terra de Montes, cos concellos de A Estrada e Forcarei, ademais do de Cuntis.

O servizo de transporte adaptado garante a posibilidade de acceso autónomo ao centro de recursos que, ao estar situado en zona rural, resulta necesario dispoñer dun transporte para o traslado das persoas, xa que se carece dun público adaptado. O servizo de recollida de luns a venres é necesario para que as persoas usuarias poidan acceder ao centro de atención terapéutica e ocupacional de xeito regular.