• Novas
  • 26 de julio de 2022

O centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi realiza un programa de terapia con animais

O centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi realiza un programa de terapia con animais

O centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi iniciou este ano un proxecto novo co fin de proporcionarlle máis autonomía e, polo tanto, mellorar a calidade de vida das persoas usuarias que acoden a este centro de atención diúrna de luns a venres.

A novidade é un programa de terapia asistida con animais que participan en  actividades terapéuticas mediante a creación dun vínculo afectivo que se establece co animal e que busca acadar estados de ánimo máis equilibrados que faciliten o proceso terapéutico, co conseguinte beneficio a nivel físico, social, emocional e/ou cognitivo da persoa.

Este programa, financiado a través do 0,7% do IRPF de todas as persoas que marcaron o recadro 106 de fins sociais ao facer a declaración da renda e que xestiona a Xunta, forma parte integral e complementaria doutras intervencións que se realizan no centro de Fingoi como son terapia ocupacional, mantemento e rehabilitación, formación básica e programas, cursos e obradoiros terapéuticos e de traballos manuais.

Actualmente, neste programa de terapia asistida con animais que se realiza coa colaboración de Candamin participan 24 persoas usuarias do centro que se dividen en dúas quendas que se desenvolven un mércores de cada mes.