O Colexio da Avogacía de Santiago recoñeceu o labor de COGAMI nun acto que conmemorou a festividade de San Raimundo de Peñafort, ao que asistiron máis de 300 persoas convidadas na Facultade de Historia de Santiago de Compostela.
A institución entregou o XIII Premio de Dereitos Humanos a COGAMI, en palabras do decano da Avogacía de Santiago, Francisco Rabuñal, por ser “fundamental o traballo pola inclusión das persoas con algunha discapacidade”.
O premio recolleuno o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen agradeceu ao Colexio da Avogacía por ter en conta a labor desenvolvida pola nosa Organización durante os máis de trinta anos de traxectoria, e por visibilizar un grupo social que vive “situacións de vulneración de dereitos, e unha maior dificultade de acceso ao asesoramento especializado e á asistencia letrada”, expresou Queiruga.
O Presidente de COGAMI fixo fincapé na importancia da avogacía para a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, expresando que “entre todas e todos temos que asegurar o pleno acceso á xustiza en condicións de igualdade e accesibilidade universal”, así mesmo incidiu na necesidade de que as e os profesionais da avogacía deban “outorgar unha verdadeira protección xurídica ás persoas con discapacidade a través do exercicio da súa profesión”.