• Novas
  • 15 de marzo de 2023

O Concello de Mos cede un piso municipal para ser utilizado como vivenda de transición a través do proxecto Rumbo que desenvolve COGAMI

O Concello de Mos cede un piso municipal para ser utilizado como vivenda de transición a través do proxecto Rumbo que desenvolve COGAMI

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron en presenza da concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, un protocolo de colaboración no que o municipio lle cede a COGAMI, por un período de un ano, unha das vivendas sociais que ten en propiedade na zona de San Eleuterio.

Con esta sinatura, realizada no propio piso municipal, Mos vaise sumar ao proxecto Rumbo que desenvolve COGAMI, un proxecto piloto experimental, que se realiza a nivel nacional participando 5 comunidades autónomas, co que se pretende implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal, combinando servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás persoas con discapacidade na súa contorna, facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Nesta vivenda de transición, que se une á que hai no Rebullón, tamén en Mos, e ás dúas en Lugo, convivirán catro persoas usuarias coas súas asistentes persoais, co fin de promocionar un aloxamento inclusivo e accesible e evitar o recurso de residencias ou de dependencia familiar. O Concello de Mos participa no proxecto Rumbo para “mellorar os servizos dirixidos ás persoas con discapacidade para que poidan permanecer na súa contorna e poidan ter unha vida independente, ao mesmo tempo que fomentar a accesibilidade universal”.

Rumbo é un proxecto piloto que xorde da alianza das federacións estatais COCEMFE, da que forma parte COGAMI, Aspace, Autismo, Predif e Fedace, ademais das 22 entidades que o executan en toda España.  Está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, e ligado aos fondos Next Generation da Unión Europea e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que se desenvolve en 8 liñas de traballo: servizo de adecuación e personalización da vivenda. Servizo de vivendas de transición á vida independente. Servizo de promoción de aloxamento inclusivo. Transformación de centros residenciais cara a recursos de apoio integral á vida independente. Servizos sociosanitarios de proximidade. Servizo de apoio comunitario para a participación e promoción da cidadanía activa. Creación dun novo catálogo de servizos de promoción da autonomía persoal. Transferencia de modelo de desinstitucionalización