• Novas
  • 11 de marzo de 2021

O concello de O Barco de Valdeorras e COGAMI únense a favor da inclusión das persoas con discapacidade do municipio

O concello de O Barco de Valdeorras e COGAMI únense a favor da inclusión das persoas con discapacidade do municipio

Xa son anos nos que existe unha colaboración estreita entre o concello de O Barco de Valdeorras e máis COGAMI, remontándose ao ano 1999, concretamente foi no mes de setembro cando empezou a desprazarse ata a zona un orientador laboral da Confederación para atender as necesidades das persoas con discapacidade da comarca de Valdeorras.

O alcalde de O Barco, Alfredo García, e mailo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quixeron recoller esta colaboración pasada e a que será no futuro nun convenio que asinaron nas instalacións municipais destinado para o desenvolvemento dun programa de inserción laboral.

Tras este acordo, a orientadora da zona, Laura Fernández, desprazarase todos os xoves ata o local que hai habilitado na antiga Casa Consistorial para atender ás 398 persoas que están actualmente inscritas na base de datos como demandantes de emprego na comarca, sendo 292 de o Barco.

Anxo Queiruga aproveitou a xuntanza co Alcalde para agradecer a estreita colaboración mantida durante este tempo con COGAMI, segundo describiu “sempre houbo unha boa disposición por parte do Concello con nós e todo son facilidades”.

O Presidente de COGAMI aproveitou para recordar que estamos vivindo unha “etapa dura na inserción laboral”, mentres que o alcalde de O Barco dixo que “as administracións estamos para colaborar e axudar”.