O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, acompañado polo presidente provincial, Ángel Holguera, e do director do centro de recursos de Mos, Celso Álvarez, foron as persoas encargadas de recibir ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García, durante a visita que realizaron esta mañá ao centro de recursos de Mos.
Durante esta visita, o Conselleiro anunciou que incrementaba en 25 o número de prazas de centro de día para persoas con discapacidade co fin de chegar a “máis galegas e galegos”, segundo apuntaba José Manuel Rey. Estas prazas serán 15 en atención diúrna terapéutica e as outras 10 restantes de atención diúrna terapéutica de media estanza.
Este incremento de prazas permitirá que sexan máis as persoas con discapacidade da comarca de Vigo as que poidan beneficiarse de servizos como fisioterapia, rehabilitación, terapia ocupacional, apoio psicolóxico, rehabilitación da lingua e da fala ou de estudo e coñecemento do medio, uns programas que melloran o benestar da persoa.
Dende a consellería de Política Social destacan tamén que COGAMI é unha das entidades beneficiarias por parte da Administración autonómica no incremento do 5% do convenio de colaboración co fin de garantir programas e servizos dirixidos á atención de persoas con discapacidade. O Conselleiro dixo que esta inversión “ascende este ano a 993.312 euros dos que se beneficiarán máis de 32.000 persoas”.