Un total de 141 persoas con discapacidade de Ourense participaron no proxecto En Movemento de servizos de autonomía e participación social no rural que desenvolveu a Federación Discafis COGAMI durante este ano na provincia.
Financiado cun importe total de 7.800 euros pola Fundación ONCE a través da convocatoria xeral de axudas para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade, coñecido como Plan de Prioridades, este programa conseguiu dotar de maior autonomía ás persoas con discapacidade física, dotándoas de ferramentas que melloren as súas habilidades sociais e actividades da vida diaria na provincia de Ourense.
Entre as actividades desenvolvidas a través deste programa En Movemento destacan os obradoiros sobre habilidades sociais que iniciaron en xaneiro e remataron en maio deste ano, ademais da realización de seguimentos ás persoas usuarias para detectar necesidades e informar sobre recursos existentes. A rehabilitación para mellorar a autonomía da persoa e o préstamo de guindastres eléctricos foron outras das actividades realizadas dentro deste proxecto de Discafis COGAMI.