• Novas
  • 29 de septiembre de 2021

O Plan de Prioridades de Fundación ONCE financia vinte e oito proxectos de COGAMI e entidades membro

O Plan de Prioridades de Fundación ONCE financia vinte e oito proxectos de COGAMI e entidades membro

Aprobados un total de 28 proxectos presentados por COGAMI e 25 das súas entidades membro á convocatoria de subvencións de COCEMFE deste exercicio, entidade que ten un acordo coa Fundación ONCE para executar o Plan de Prioridades e acometer actuacións necesarias para a inclusión de persoas con discapacidade. Por un valor de investimento total de 392.755 euros, foi posible desenvolver 22 programas de atención á autonomía persoal, 5 de inversións en centros e 1 para investir en vehículos para o transporte colectivo de persoas.

Catro destes programas aprobados foron presentados por COGAMI para a promoción da autonomía persoal para persoas con discapacidade do norte da provincia de Lugo; para a  mellora das instalacións do centro de recursos de Fingoi e tamén, para os programas de atención integral nos centros de recursos de Fingoi e Mos.

Entre os programas aprobados, gran parte destes foron para as entidades sociosanitarias como: o programa de atención especializada para pacientes de artrite, familiares e persoas coidadoras nas entidades ConArtritis-ASEARPO; o servizo de fisioterapia especializada para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema de AGL; o programa de autonomía persoal, servizo de atención integral para persoas con fibrose quística de AGFQ; o servizo de psicoloxía para persoas transplantadas de ASOTRAME; o da asociación AODEM de fisioterapia para persoas con párkinson e enfermidades raras; o proxecto de AVEMPO de apoio social, asesoramento e xestión de recursos ás persoas afectadas de esclerose múltiple e contorna e o denominado proxecto Innova de ACEM Compostela.

O plan de prioridades tamén contempla o programa de vida autónoma e independente de persoas afectadas por enfermidade neuromuscular coa axuda dun asistente persoal de ASEM Galicia; o servizo de atención integral, promoción da autonomía e inclusión social das persoas con enfermidade inflamatoria intestinal de ACCU; o programa de atención psicosocial para persoas con enfermidade renal crónica de Alcer Pontevedra; o servizo de atención do impacto sobre o proxecto de vida a persoas con enfermidade renal crónica de Alcer Coruña e axudas de emerxencia para persoas con enfermidade renal crónica en situación de pobreza en Ourense para Alcer Ourense.

Outros programas máis que se poden desenvolver ao ser financiados a través do plan de prioridades son o de sensibilización, concienciación e formación sobre linguaxe inclusiva e non discriminatoria de ACADAR; o servizo de atención integral, promoción da autonomía persoal e inclusión de AMIZADE; o servizo de fisioterapia de ADAPTA; a vivenda tutelada de AVANTE; o programa de atención temperá e discapacidade infantil de MISELA e o de prevención e atención de trastornos do desenvolvemento infantil de VONTADE e os servizos de autonomía e participación social no rural ourensá que desenvolve a Federación DISCAFIS-COGAMI.

Fundación ONCE tamén financia o servizo de mellora da calidade de vida que ÍNTEGRO presta no seu centro de recursos; a mellora da accesibilidade e seguridade do recinto da entidade AMARAI; o horto ecolóxicos de ADISBISMUR; a reforma do obradoiro 1 do centro ocupacional para formación para o emprego de ÁMBAR e o vehículo de transporte adaptado de AGORA.

Todos estes proxectos van destinados a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e familiares das entidades, sendo 1.608 persoas as que se beneficiarán nestas edicións.