• Novas
  • 11 de noviembre de 2022

O programa de atención temperá da asociación Misela prestou servizo a máis de cincuenta menores

O programa de atención temperá da asociación Misela prestou servizo a máis de cincuenta menores

Un ano máis, a asociación Misela desenvolveu o programa de Atención Temperá e Discapacidade Infantil, un dos servizos que ofrece a entidade e que conta con máis persoas usuarias, o denominado EDIAT (Equipo de Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá). Foron un total de 57 nenas e nenos, xunto coas familias, as que participaron no programa.

Para poder levalo a cabo, o servizo contou cun financiamento de 40.000 euros da Xunta de Galicia procedentes da convocatoria de subvencións derivada dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, coñecida por X Solidaria.

O programa de atención temperá está dirixido a ofrecer unha atención global e especializada tanto á nena ou neno con discapacidade ou risco de desenvolvela como á súa familia, potenciando o seu desenvolvemento e favorecendo a súa funcionalidade, sen separalo do seu medio familiar e social.

Este servizo resulta fundamental para dar cobertura de tratamento especializado a este colectivo, no seu entorno próximo. Así os nenos e nenas contaron con atención individualizada de fisioterapia, terapia ocupacional e psicoloxía, así como atención ás familias, seguimento e coordinación co entorno. A existencia deste servizo, que leva en funcionamento dende o ano 2005, permitiu ofrecer durante o 2022 atención especializada a nenos, nenas e ás súas familias dos concellos de Noia, Outes, Lousame, Porto do Son e Muros.