• Novas
  • 09 de noviembre de 2022

O programa de lecer que organiza COGAMI contou coa participación de setecentas persoas durante este ano

O programa de lecer que organiza COGAMI contou coa participación de setecentas persoas durante este ano

Case 700 persoas con discapacidade participaron este ano nas distintas actividades xestionadas polo programa de lecer adaptado de COGAMI. Este programa, que se desenvolve anualmente, mantén unha colaboración con diferentes entidades culturais e deportivas para ofertar ao movemento asociativo unha oferta variada de actividades lúdicas que son adaptadas a todas as persoas.

Cofinanciado a través da convocatoria de programas de interese xeral para fins de carácter social da Xunta de Galicia cos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas que marcaron o cadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecido pola X Solidaria.

Entre a oferta que se ofrece, predominan as actividades de carácter deportivo, realizadas coa colaboración da Fundación Decathlon, ademais das actividades náuticas adaptadas que se desenvolven a través dos programas de Lecer Náutico que organiza o Real Club Náutico de Sanxenxo e o programa GAVEA (Galicia Vela Adaptada),que conta coa colaboración da asociación Cataventos.

Ademais destas actividades deportivas, dende a área de Lecer tamén se xestionan obradoiros a través do programa Enredarte, que permite ás asociacións de persoas con discapacidade de Galicia organizar actividades culturais e artísticas en función das preferencias e intereses das súas persoas socias, tanto no ámbito urbano como no ámbito rural, onde habitualmente a oferta de actividades de lecer é menor.

Durante este ano desenvolvéronse obradoiros de pintura, fotografía, teatro e escritura creativa chegando a participar 92 persoas de entidades membro de COGAMI.