Con doce anos de traxectoria, o programa de rehabilitación que ofrece a asociación Amico é un dos que conta con máis demanda dentro desta entidade da comarca de Compostela. Este ano presenta novidades como a incorporación do servizo de logopedia, un servizo de pilates con máquinas e un novo centro de atención no que se desenvolven estes servizos.
Financiado pola Deputación de A Coruña, dentro da convocatoria de subvencións FOAXE-P, este programa de rehabilitación conta arestora coa participación de 15 persoas con discapacidade, todas elas beneficiarias de sesións individuais de fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia.
Ademais de sesións individuais, Amico imparte sesións grupais de pilates con máquinas dirixidas a persoas usuarias de cadeira de rodas, con recursos de apoio, nas que participan un total de 6 persoas.