• Novas
  • 01 de febrero de 2021

O programa Incorpora de Fundación “la Caixa” facilita 874 empregos a persoas galegas en situación de vulnerabilidade

O programa Incorpora de Fundación “la Caixa” facilita 874 empregos a persoas galegas en situación de vulnerabilidade

O programa Incorpora de integración laboral de Fundación ”la Caixa”, pese á afectación da pandemia e das súas consecuencias na economía do país, facilitou en Galicia 874 postos de traballo a persoas en situación de vulnerabilidade en 2020. Estas insercións foron posibles coa colaboración de 373 empresas neste proxecto de responsabilidade social.

Este programa, no que COGAMI forma parte xunto a outras entidades galegas de inclusión social, conseguiu que das insercións logradas a través de Incorpora, 556 foran mulleres e 318 homes, ademais,  271 insercións foron de persoas con algunha discapacidade e 603 de persoas en riscou ou situación de exclusión.

O programa Incorpora, iniciado en 2006, ofrece ás empresas un servizo de balde de asesoramento e acompañamento para facilitar a incorporación aos seus cadros de persoal a persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, como xuventude en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e exreclusos, o que á súa vez, reforza a responsabilidade social destas empresas.

Ademais de COGAMI, son estas as entidades sociais que desenvolven o programa en Galicia, e que a Fundación “la Caixa” vén de renovar: IGAXES3 (entidade coordinadora do Grupo Incorpora Galicia), Saúde Mental FEAFES Galicia, Fundación Juan Soñador, Cruz Vermella Lugo, APES, Cruz Vermella Ourense, Fundación Érguete - Integración.

O cadro de persoal formado por 44 persoas técnicas ofrece atención personalizada e seguimento continuado, con apoio integral ás persoas usuarias, antes, durante e despois da súa contratación.