• Novas
  • 13 de octubre de 2022

O proxecto de atención integral da Federación Discafis COGAMI finánciao a Deputación de Ourense

O proxecto de atención integral da Federación Discafis COGAMI finánciao a Deputación de Ourense

A través das subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2022, a Deputación de Ourense financiou o proxecto de Atención Integral a Persoas con Discapacidade da Provincia de Ourense que desenvolve a Federación Discafis COGAMI.

A través deste proxecto, Discafis COGAMI e as súas dezaseis entidades membro, pretenden mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da provincia de Ourense coa prestación de diferentes servizos personalizados.

Esta atención abarca áreas dende a saúde, o lecer, atención xurídica, asistencia e apoio, entre outros, pretendendo reducir calquera tipo de discriminación, mellorar a calidade de vida e desenvolver potencialidades para lograr unha plena integración no seu contorno.

As dezaseis entidades membro de Discafis COGAMI suman un total de 2.500 persoas sociais na provincia de Ourense, das cales 877 son homes e 1.623 mulleres.

Ademais da Federación, 10 das súas entidades membro recibiron o apoio da Deputación para os seus proxectos, sendo estas Asociación Galega de Fibrose Quística, ASDIFICA, ACCU OURENSE, AGADHEMO,  AODEMPER, ALCER Ourense, AFFOU, AIXIÑA, ASEM Galicia e ALGARIA.

En total estas entidades recibiron 26.815,63 euros para financiar os distintos proxectos presentados para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade da provincia.