• Novas
  • 14 de febrero de 2022

O servizo de emprego de COGAMI facilita a inserción de 204 persoas na provincia de Lugo

O servizo de emprego de COGAMI facilita a inserción de 204 persoas na provincia de Lugo

O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) de COGAMI acadou durante o ano 2021 a inserción laboral de 204  persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para a ocupación habitual na provincia de Lugo, das que 51% son homes e o 49% mulleres.

Cabe destacar que estas persoas inseridas foron posibles nunha das 118 empresas contactadas, das que 43 foron novas visitas durante o pasado ano na provincia polo servizo SIL. O 77% destas insercións realizáronse en empresa ordinaria e o 23% nunha empresa protexida de economía social.

O Servizo de Emprego de COGAMI, posto en marcha en 1996 como aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral, conta cunha bolsa de emprego que contempla 1.551 persoas inscritas como demandantes de emprego, o 59% homes e 41% mulleres.

Como perfil dominante, o 86% destas persoas inscritas teñen recoñecida a discapacidade física e, atendendo á idade, o 19% comprende entre os 18 e 40 anos, o 56% está na franxa de 41 e 55 anos e o 25% restante con idade entre os 56 e os 65 anos. Distribuídas por comarcas, a de Lugo  contempla maior porcentaxe de persoas inscritas sendo o 48%; seguida co 17% pola comarca da Mariña  e o 12% pola de Terra Cha.

O servizo de emprego de COGAMI conta cun equipo formado por 4 profesionais de orientación laboral e 1 técnico Incorpora con punto de atención na cidade pero tamén se despraza para atender ás zonas de ámbito rural. Este equipo durante o ano 2021 realizou 1.097 orientacións das que 100 foron a persoas novas que pasaron a formar parte do servizo.

Programas de inserción desenvolvidos

O Servizo SIL desenvolve programas específicos para lograr a inserción laboral de persoas que o teñen máis complexo por atoparse nunha situación de risco ou de exclusión social.

Un destes programas é o Incorpora de Fundación “la Caixa”, que facilita a incorporación aos cadros de persoal das empresas a persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, como xuventude en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, persoas paradas de longa duración e persoas ex reclusas. COGAMI logrou que 8 persoas foran inseridas no mercado laboral a través deste programa e ofertou 2 cursos nos que se formaron 33 persoas, un deles de Carnicería e Charcutería e o outro de Xestión de Almacén.