Foron dous anos de incerteza, desaceleración e decrecemento pero, neste primeiro trimestre do ano 2022, o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI, aprecia un lixeiro ascenso nos datos, chegando incluso a aproximarse a cifras rexistradas en 2019, antes da chegada da pandemia.
Como proba, foron 554 as persoas con discapacidade inseridas a través deste servizo de emprego durante o primeiro trimestre do ano 2019, cifra que descendeu durante os anos 2020 e 2021 e que se está recuperando durante este trimestre, acadando as 517 persoas inseridas.
As ofertas de emprego que lanzan as empresas tamén rexistraron un incremento este ano con respecto aos dous anteriores: das 327 ofertas xestionadas polo servizo de emprego no primeiro trimestre de 2019, e tralo descenso en 2020 e 2021, durante este trimestre, aínda que o dato segue sendo máis baixo, con 309 ofertas, supera ás anteriores.
Segundo apunta a coordinadora da área de emprego “queda aínda camiño para acadar os datos pre-pandemia, se ben é certo que respecto aos anos anteriores, estase mellorando. Onde menos diferenza vemos é no apartado de xestión de ofertas e persoas inseridas laboralmente, estamos a tan só un 6% e un 7% para acadar os resultados da prepandemia, o que nos fai ter esperanza en que estamos vivindo un proceso de recuperación. Esperemos que sexa así, e non haxa un retroceso ou brote do COVID, que sería fatal para a creación de emprego”.
Dende COGAMI nunca se pecharon as portas ás necesidades das nosas persoas usuarias. Nos momentos máis críticos da pandemia, o equipo formado por 40 profesionais do departamento de emprego, presente nas sete cidades galegas continuou cos contactos vía telefónica e telemática, realizando entrevistas de orientación, chegando acadar un número superior a partir da pandemia. Durante este ano rexistráronse 1.915 orientacións, cifra superior ás 1.503 rexistradas en 2019.