A Asociación ADAPTA de Ponteareas vai poder continuar durante este ano co servizo de fisioterapia que presta tras recibir a resolución da Fundación ONCE na que lle concede á entidade un total de 14.178,60 euros destinados a este servizo.
ADAPTA iniciou este servizo en 2011, converténdose en referencia na entidade, por ser un servizo fundamental para as persoas con discapacidade física porque permítelles manter e mellorar o grao de autonomía persoal, en moitos casos.
Dirixido a persoas con discapacidade da comarca do Condado e Paradanta, sexan socias ou non da entidade, este servizo está operativo de luns a venres en horario de mañá, ademais das tardes de luns e mércores.
Durante o ano pasado, foron un total de 28 persoas as beneficiarias, unha cifra que agardan superar durante este ano. Dende ADAPTA reiteran que o servizo de fisioterapia que prestan é un dos máis demandados, sobre todo porque na zona non contan con outros recursos específicos e dirixidos ás persoas con discapacidade.