O centro de recursos que COGAMI ten en Lugo recibiu a visita da deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, co fin de coñecer de primeira man os programas que desenvolve e que a Deputación financia fun total de 117.000 euros, tanto á COGAMI como á Federación de Lugo.
Acompañada polo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, o presidente da Federación COGAMI Lugo, José Luis Lolo, e o director do centro de recursos, Juan Gude, a deputada provincial tivo a ocasión de ver e charlar con profesionais e persoas usuarias programas que cofinancia a Deputación.
Un destes programas é o Servizo de Intermediación Laboral para as persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia de Lugo ao que achegou 50.000 euros o ano pasado, co fin de lograr unha maior inserción laboral no eido rural. Este servizo que conta con 2.204 persoas apuntadas na provincia, logrou inserción de 199 persoas, 74 de zona rural, e xestionou 109 ofertas de emprego.
Outro servizo que financia con 22.000 euros a Deputación é o obradoiro prelaboral que desenvolve a Federación COGAMI Lugo no concello de Monterroso, e que atende na actualidade a 14 persoas usuarias dos municipios de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla. Neste taller, os 3 profesionais da asociación, imparten obradoiros de restauración, serigrafía, papelería ou cartelería.
O organismo provincial decidiu achegar outros 5.000 euros para colaborar nos custes da contratación dunha traballadora social en COGAMI.
Trala visita ao centro, Sonsoles Suárez visitou o centro especial de emprego Grafinco, unha imprenta de economía social que conta con todo o seu persoal con discapacidade.