A Xunta vai contratar centros especiais de emprego de persoas con discapacidade para a xestión da central de reservas dos servizos de transporte público baixo demanda. Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen acompañada polo director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha xuntanza co vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, ao coordinador de accesibilidade, Álvaro García, a xerente de Activa Social, Silvia Alende e a técnica de accesibilidade, Luisa Miranda,
A Conselleira explicou que se trata dun proceso de licitación dirixido a centros especiais de emprego ou empresas de inserción para xestionar as consultas e reservas de transporte a demanda que se soliciten a través da central de chamadas. Dende COGAMI trasladóuselle á Conselleira o interese de participar neste procedemento a través do seu centro especial de emprego, Combina Social S.L.
Outro tema que se tratou na xuntanza foi o Plan de transporte público de Galicia, que fomenta a implantación de vehículos accesibles para acadar un parque móbil acorde ás demandas de desprazamento das persoas con mobilidade reducida.
Os novos contratos de transporte que se poñan en marcha neste ano permitirán seguir avanzando na mellora da accesibilidade e na prestación dun mellor servizo ás persoas que teñen necesidades especiais de desprazamento.